Autora: Nereida Rodríguez

A Colección de poesía Benito Soto



Na Pontevedra dos anos cuarenta, un grupo de mozos poetas reúnense e danlle voltas á idea de publicaren os seus versos. Son Emilio Álvarez Negreira, Sabino Torres Ferrer e Manuel Cuña Novás. O pai de Sabino Torres tiña unha imprenta, Gráficas Torres, en Pontevedra, na rúa D. Filiberto. Sabino coñecía ben o oficio e alí tiña todo o necesario para imprimir os seus versos e os dos seus amigos. A idea da publicación foi do Negreira e tamén el propuxo o nome da colección: Benito Soto. Se o que querían era facer unha edición pirata nada mellor que o nome dun mítico pirata galego, aquel que gobernara o non menos mítico barco A Burla Negra. Na intención destes mozos sempre estivo manterse á marxe de calquera legalidade. Á empresa sumouse Rafael Alonso, como ilustrador e, algún tempo despois, cando xa estaban na rúa os dous primeiros volumes da colección, Celso Emilio Ferreiro, como director literario.
Entre 1949 e 1951 a colección publicou 14 volumes, 9 deles en galego, entre os que podemos salientar: Poemas de ti e de min (volumes III e IV) de Xosé María e Emilio Álvarez Blázquez, Dona do corpo delgado (V) de Cunqueiro, Anxo de terra (VII) de Carvalho Calero, Triscos (IX) de Luís Pimentel, Muiñeiro de Brétemas (X) de Manuel María e Cantigas da noite moza (XII) de Augusto Casas.

V_Dona_do_corpo_delgado_01.jpg
VII_Anxo_de_terra_01.jpg
IX_Triscos_01.jpg
X_Muineiro_de_Bretemas_01.jpg
Volume V
Volume VII
Volume IX
Volume X